Avda. de Finisterre, s/n. 15142 - Arteixo. A Coruña. España

info@memoriasdearteixo.org

+34 981 60 12 00

Sobre nosotros

Desde o Concello de Arteixo decidiuse apostar por usar o sistema www.phottic.com para a recuperación da "Memoria Fotográfica" da nosa sociedade, porque nos serve de soporte para todas as accións que estamos poñendo en marcha co obxectivo de que a nosa cidadanía poida colaborar en recuperar todas aquelas imaxes e a historia das mesmas que nestes momentos non están sendo compartidas con quen queira acceder a elas e interactuar.

Estamos nun momento clave para a conservación do noso patrimonio fotográfico, e por tanto da nosa memoria. Ademais das limitacións propias do soporte papel, moitas das fotografías que a xente ten na súa casa non están conservadas nas mellores condicións.

Este proxecto pretende axudar á conservación e á posta en valor do patrimonio fotográfico a través de 3 claves:

• Fomentando a dixitalización das fotografías antigas de Arteixo.
• Engadindo valor a esas imaxes mediante o uso de tecnoloxía de xeolocalización.
• Creando unha comunidade interxeracional que aproveite conxuntamente o coñecemento das persoas maiores coas destrezas dixitais dos máis novos.

A base de Memorias de Arteixo é unha aplicación desenvolvida para xeoreferenciar fotografía antiga sobre Street View de Google, pero o verdadeiro valor do proxecto está no uso que se fará dela por parte da comunidade que comentará e valorará as imaxes.

Para isto estase realizando un importante traballo offline, de difusión entre a poboación local, accións de alfabetización dixital da 3ª idade (que son os que teñen o coñecemento da historia das imaxes), accións nos centros de secundaria co obxectivo de conseguir “Brigadas Dixitais” para que axuden ao colectivo anterior a trasladar o seu coñecemento a un entorno dixital que eles si coñecen.

Ademais das accións directas de dinamización social tamén existe un punto de recollida e dixitalización de imaxes na Oficina de Turismo (Avda. de Finisterre, s/n) para todos aqueles que non poidan, non queiran ou non saiban dixitalizar as mesmas.

Desde o Concello de Arteixo espérase que todo este traballo sirva para que os cidadáns coñezan aínda máis o noso pasado para estar orgullosos de ser de Arteixo no noso presente e poidamos así construír un futuro mellor entre todos e todas.